Tuesday 14 de May de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña ofrece contacontos, maxia e diferentes mostras ao longo de xuño


O vindeiro mes seguirá habendo o obradoiro de lectura de relatos, así como os habituais clubs de lectura e o programa de visitas guiadas, entre outras actividades

Biblioteca Pública da Xunta na Coruña Miguel González Garcés ofrece contacontos, maxia e diferentes mostras ao longo de xuño, nunha programación pensada tanto para o público infantil coma o adulto. O vindeiro mes tamén seguirán desenvolvéndose os habituais clubs de lectura, o programa de visitas guiadas, a formación para a utilización dos servizos do centro e o obradoiro de lectura de relatos. A información sobre todas as actividades previstas está dispoñible na web do centro bibliotecario.

Así, o sábado 5 terá lugar o obradoiro Escola de maxia, con David Méndez, onde a rapazada de seis a 12 anos aprenderá a facer trucos sinxelos e didácticos. O día 12, o público de catro a 12 anos poderá gozar con Sara Cruz do contacontos A viaxe do paporrubio, unha historia para coñecerse e aceptarse contada a través da música. Finalmente, o 19, haberá a sesión de Bebecontos Andando polo camiño, da man de Raquel Galavis, con contos cantados e cancións para contar. Todas as sesións serán ás 12,00 h.

Mostras de Dylan, Galicia e libros esquecidos
Pola súa banda, o público adulto é o destinatario de diferentes mostras, como 80 anos con Bob Dylan, instalada na fonoteca do centro bibliotecario, ou Por favor, lévame en préstamo, cunha selección de libros que non foron utilizados nos últimos cinco anos.

A elas súmase Descobre Galicia, unha selección de diverso material bibliográfico, gráfico e audiovisual que fai referencia ao territorio galego en toda a súa diversidade, afondando nos costumes, na historia, nos espazos naturais, no patrimonio ou na gastronomía, entre outros aspectos.

Ademais, continuará desenvolvéndose o obradoiro de lectura de relatos dos venres con María Jesús Molina Raspal, que neste mes terá lugar os días 4, 11 e 18. Tamén se manteñen os clubs de lectura de adultos, de terror e misterio, en galego, de lectura fácil e de lectura feminista, así como o programa de visitas guiadas os martes e xoves ás 12,00 h. e as sesións de formación de usuarios, os mércores ás 16,00 h.